samedi 19 mai 2012

O espertar

Son as seis da mañá. O espertador agudo do veciño volve novamente a revivir os meus pensamentos. O ruído da chave da súa porta mal pechada vén a estruturar a corrente desordenada de imaxes que se mesturan en toda a miña cabeza.  

Entón, as lembranzas poden aclararse e volverse a converter nos arrepentimentos que nunca deixaron de selo. Outras imaxes aparecen logo, deses momentos de aquí e de alá pero desaparecen inmediatamente tragadas polo ruído dunha afeitadora eléctrica. Unha vez máis o sono non vén.  
¿Eu? ¿Por que eu? Definitivamente hoxe non, que a primeira vez non me abandonei ata verme completamente fundida no alcohol. Porque a miña propia forza non basta para manterme erguida, e as miñas catro extremidades non serven máis que para lembrarme que aínda teño un estúpido corpo.  

Teño sede.

Ese é o único dos meus reflexos que nunca me abandona. ¿Por que falo de abandonar? Oh, non, esta noite, non, que estou farta de baleirarme cando só me queda baleiro.  

¿Amar?

Non, tampouco, isto é para mortais e eu vivo no limbo onde non se sufre, non se sinte, non se goza só se observa e se cala.

Por que eu? Por que eu non? Porque non podo, porque morro e morro, porque xa non te sinto, non te escoito, non sufro, non busco, non atopo, non vivo. Morro.

¿Que é a vida? Un frenesí, unha ilusión, ao mellor unha sombra ou unha ficción, onde o mellor ben é pequeno, que toda a vida é soño, pero desafortunadamente os soños... soños son.

Amañece. Avanza o raio de luz percorrendo todo o meu corpo. Quéntame, dáme vida, percórreme incluso ata o meu nome. Hipnotízame ata a xanela e vexo o milagre de cada día. Amañece. Estou viva. Nada importa porque hoxe aínda sigo viva.

1 commentaire:

Xesús Constela a dit…

Que caladiño estabas acerca desta faceta de escritor! Parabéns, mon ami!